Sunday 28 de April de 2024

O Concello pobrense colabora con Ambar no seu programa de emprego para mulleres


A Asociación Ambar levará o seu programa de emprego para mulleres á Pobra do Caramiñal contando coa colaboración da Concellaría da Promoción Económica. A finalidade radica en mellora-la igualdade de oportunidades a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, para dotalas dunha maior autonomía e independencia, redundando, polo tanto, nun progreso da súa situación persoal, social e laboral. A metodoloxía que se vai seguir consiste en sesións individualizadas e grupais de formación para o emprego, orientación laboral e acompañamento na etapa de prospección empresarial.

O espazo cedido pola Administración local é unha área do Coworking, lugar onde transcorreu o acto de presentación desta iniciativa que parte cun grupo reducido de 5 mulleres e, a medida que se vaian inserindo no mundo laboral, incorporaranse novas participantes que están na lista de agarda.

A presidenta de Ambar, Milagros Rey, destacou a importancia de poñer en marcha este tipo de cursos para incorporarse no mercado laboral ao tempo que se aprende desfrutando. A esta cuestión tamén se referiu a técnica de Emprego da referida entidade, Ángeles Sampedro, quen incidiu en que se vai apoiar, motivar, buscar e acada-lo obxectivo laboral das participantes.

Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), acompañado da técnica municipal da Promoción Económica, Sara Sánchez, puxo en valor o labor que executa Ambar, así como esta actuación que busca redundar nunha mellora da empregabilidade.

O dito proxecto está dirixido a mulleres que cumpran algún dos seguintes requisitos: con diversidade funcional, con trastorno mental, sen titulación ou con baixa cualificación, desempregadas menores de 30 anos, desempregadas maiores de 45 anos, residentes en concellos rurais e inactivas ou desempregadas de longa duración. A súa duración esténdese dende este mesmo 4 de maio ata o día 4 de agosto do presente ano.